Sobre nós

contenedor-de-feminismos-diante do Agora

O Contenedor de feminismos é un proxecto de arquivo móbil ideado para o espazo público coa finalidade de recuperar, documentar e visibilizar as historias das mulleres, os feminismos e as loitas pola liberación sexual dos últimos trinta anos en Galicia. Foi creado en 2009 para as xornadas Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos, celebradas na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán de A Coruña.

Dende 2009 ata 2015 realizáronse unhas seis docu-accións. Chamamos docu-acción a un encontro ou diálogo entre mulleres no espazo público para falar sobre un tema en concreto, rescatando esa memoria entre o público e o privado. Na pizarra do Contenedor (o dispositivo usado para ese fin) anotamos información relevante e posteriormente elaboramos material documental; xa sexa un libriño co material rescatado -como fotografías, artigos de prensa e outros documentos- ou un vídeo que rexistre a docu-acción. Despois do encontro recóllese o contenedor para levalo a outro lugar. Algúns dos datos recollidos vanse pintar de forma definitiva na superficie da pizarra e unha selección de materiais incorpóranse dentro do contenedor, formando parte do arquivo.

En 2009 realizáronse as dúas primeiras docu-accións en Vilaxoán e A Coruña (dentro das xornadas Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos). En 2011 o contenedor participou nas xornadas Suxeitos emerxentes. Sexualidades e feminismos contemporáneos en Normal (Espacio de Intervención Cultural da Universidade da Coruña). En 2012 foi seleccionado por Patricia Mayayo e Juan Vicente Aliaga para participar na exposición Genealogías feministas en el arte español: 1960 - 2010, no MUSAC e gracias a Belén Sola, xurdiu a idea de realizar dúas activacións en León en conxunto coas asociacións de mulleres de León: Simone de Beauvoir, ADAVAS, Isadora Duncan, Flora Tristán, Clara Campoamor, Muller e revolución e Liñas de fuga. En 2013 participa no proxecto Música en Branco. Memoria sonora da Agra do Orzán , organizado por Sinsal para o Ágora, en A Coruña recollendo historias relacionadas con mulleres do barrio, mesturando a tradición musical galega e a senegalesa. En 2014 foi convidado a participar en El contrato, exposición comisariada por Bulegoa z/b para AlhóndigaBilbao (agora Azkuna Zentroa), para traballar sobre as mulleres bertsolaris.

Contenedor de feminismos son Anxela Caramés, Carme Nogueira e Uqui Permui.
O traballo de Uqui Permui expándese no campo da comunicación, o deseño e o audiovisual, con especial interés nos fluxos e as dinámicas do espazo público.
Carme Nogueira é artista visual, o seu traballo oriéntase cara as imbricacións entre o privado e o público a través de prácticas contextuais.
Anxela Caramés é investigadora en arte e feminismos, traballa como comisaria, crítica de arte e produtora cultural.

O 14 de abril de 2015 Carme Nogueira, Uqui Permui e Anxela Caramés escenificaron a doazón do Contenedor de feminismos a Xulia Santiso, responsable da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, volvendo desta maneira ao punto de partida e pechando así unha época do Contenedor e abrindo esta nova etapa cunha nova forma de plataforma web, dende onde pretendemos continuar baixo os mesmos parámetros, de participación e coñecemento colectivo.